Yoigo rexistra un envío masivo de SMS pola victoria do Barça

xoves, 28 de maio do 2009 Raquel Noya

Os medios impresos e dixitais de todo o país non falan hoxe de outra cousa que non sexa a victoria do F.C.Barcelona ante o Manchester United na final da Liga de Campións de Europa disputada onte: “Barça campión”, “Barça mítico”, “Barça emperador do fútbol europeo”, “O mellor Barça de tódolos tempos”… mesmo a prensa estadounidense, da man dos xornais The Washington Post e The New York Times (na súa versión en liña), destacaron o triunfo do equipo que dirixe Pep Guardiola na súa primeira páxina, algo que non soe ser habitual xa que raramente deixan ver novas deportivas na súa portada, e moito menos con fotografía incluída, como sucedeu nesta ocasión.
E é que o triplete acadado polo equipo catalán non deixou a ninguén impasible e só hai que ver as cifras de SMS enviados a través da rede de Yoigo, con bastantes menos usuarios que Vodafone ou Movistar (as principais operadoras de telefonía do noso país), para darnos conta da trascendencia deste evento a nivel nacional e internacional.
Segundo vén de anunciar hoxe a devandita operadora, a victoria do FC Barcelona onte á noite “desatou a euforia e os SMS convertéronse na maneira estrela de felicitarse entre todos os afeccionados”.
Deste xeito, dende as 20:00 ata as 23:00 horas de onte, o número de SMS enviados na rede de Yoigo incrementouse nun 39,63 por cento respecto ás mesmas horas do mércores da pasada semana.
En total, ao longo de todo o día, os usuarios de Yoigo mandaron un 11,05 por cento máis de mensaxes que o mércores pasado, unhas cifras que nos recordan citas tan sinaladas no calendario das operadoras como Fin de ano ou Aninovo, cando as liñas se colapsan inevitablemente por exceso de envíos.