nVIDIA di adeus ao seu vello panel de control

martes, 26 de maio do 2026 Redacción

nVIDIA retirou oficialmente o histórico panel de control GeForce tras dúas décadas de servizo, completando así a transición cara á nova aplicación unificada nVIDIA App. A decisión chega despois de máis de dous anos de traballo para trasladar as principais funcións do clásico nVIDIA Control Panel ao novo cliente para Windows.
Segundo explicou a propia nVIDIA, «todas as funcións activamente soportadas do mVIDIA Control Panel para usuarios GeForce foron modernizadas e trasladadas ao novo cliente». A compañía confirma que o panel clásico deixa de recibir soporte para os controladores Game Ready e Studio, aínda que os usuarios de gráficas RTX PRO continuarán mantendo compatibilidade ata que as funcións profesionais tamén sexan migradas.
O nVIDIA Control Panel seguirá presente nos equipos actuais salvo que se realice unha instalación limpa dos controladores. Ademais, continuará dispoñible na Microsoft Store para quen precise utilizalo, pero xa non recibirá novas características nin correccións.
A nova nVIDIA App converteuse progresivamente nun centro unificado para a xestión das gráficas GeForce, integrando descarga e instalación de controladores, optimización de xogos e configuracións relacionadas con DLSS e outras tecnoloxías gráficas. Durante o último ano xa incorporara a maior parte das opcións relevantes que anteriormente estaban limitadas ao panel clásico.