EGATEL repite como empresa galega máis innovadora (Informe Ardán)

martes, 19 de abril do 2016 Redacción

Javier Taibo, director xeral de EGATEL, nunha imaxe do xornal Atlántico

A empresa galega EGATEL recunca novamente como a empresa galega máis innovadora. Así o certifican, unha vez máis, os autores do Informe Ardán da Zona Franca, que como recordaremos chegaron o ano pasado á mesma inclusión. Segundo fan saber, a base do seu estudo (edición 2016) foi medio milleiro de empresas da nosa terra, sendo o parámetro da innovación o principal criterio a seguir e valorar. Superaron a escolma (acadando o indicador de empresas innovadoras) un total de 27. Na categoría ouro situouse EGATEL.
Isto implica, entre outras cousas, a acreditación de ser “unha empresa excelente en innovación”. EGATEL está instalada na Tecnópole de Ourense (Parque Tecnolóxico de Galicia) e adícase, sobre todo, ao deseño, desenvolvemento e fabricación de equipos de telecomunicacións.
Salientar tamén que a empresa leva anos apostando por atesourar un forte compoñente de experiencia e coñecemento propios. De feito, máis dun terzo do seu persoal adícase de maneira exclusiva a tarefas de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, ou sexa I+D+i. En virtude deste investimento firme pola produción de seu, non externalizada, a compañía foi quen de “crear e fomentar unha cultura da innovación na empresa”. Para facernos unha idea da envergadura da súa aposta, o 16% da súa facturación total diríxese ao devandito trinomio I+D+i.
Como resultado de todo isto e da súa vontade de ollar ao lonxe, a empresa conseguiu estes anos afianzarse nos mercados nos que xa estaba presente e continuar a súa expansión internacional a través da fórmula da “constante evolución tecnolóxica dos seus produtos”. Así mesmo, outro dos piares do éxito EGATEL é o seu compromiso coa diversificación de produtos, ao que cómpre engadir a súa concorrencia en múltiples proxectos de innovación con outras empresas, establecendo sinerxías que permitiron acelerar o desenvolvemento de produtos e o seu lanzamento ao mercado. Como dixemos, EGATEL dedica máis do 35% do seu persoal de maneira exclusiva a actividades de I+D+i, sobre todo no ámbito das comunicacións por radio frecuencia.
Volvendo ao informe de Ardán, sinalar tamén a de EGATEL non é a única presenza TIC entre as empresas galegas máis recoñecidas pola súa capacidade de xerar servizos e produtos novos. De feito, as viguesas 2Mares e Optare están nos postos de cabeza ao abeiro da categoría de prata. A primeira céntrase en dar forma a un amplo e variado abano de servizos TIC avanzados. Por exemplo Intellixente, solución para servizos de atención ao cliente en redes sociais. Optare, da que falamos recentemente para salientar a súa participación nun ambicioso proxecto europeo para impulsar a tecnoloxía 5G, ten unha ampla experiencia en servizos de enxeñaría de telecomunicacións, tecnoloxías do coñecemento e novas canles de traballo.

PUBLICIDADE