A UVigo distingue 15 iniciativas innovadoras do alumnado

venres, 27 de febreiro do 2026 S. P.

Unha vintena de alumnas e alumnos de graos e mestrados dos catro ámbitos do coñecemento que se imparten nos tres campus da UVigo (todas e todos compartindo espírito emprendedor) recibiron os premios Emprende e as axudas Avanza e Consolida, 14ª edición.
Este ano son 15 os proxectos de emprendemento que acadaron premios e axudas que permitirán ás e aos seus promotores adquirir os coñecementos precisos para impulsalos.
Un total de 11 iniciativas que abranguen desde unha aplicación de servizos para o Camiño de Santiago, a unha fábrica de produción de aceiro, pasando pola creación dunha metodoloxía estandarizada de recuperación post-incendio ou unha plataforma que permite a pais e profesorado crear contos personalizados, recibiron no Edificio Redeiras (este xoves 26) os Premios Incuvi Emprende, que lles darán acceso ás persoas gañadoras a formación e titorización durante un período de preincubación dun máximo de seis meses e unha axuda económica dun máximo de 1000 euros por proxecto.
Pola súa banda, unha consultoría artística especializada en estratexia, representación e comunicación para artistas, galerías, institucións e coleccionistas; un servizo integral de asesoramento sobre riscos dixitais e un programa de adestramento onde o corpo flúe, a mente se acouga e un programa enfocado ao benestar físico e mental, acadaron as Axudas Incuvi Avanza. Un recoñecemento que proverá as persoas gañadoras tanto formación, como mentoring e unha achega económica dun máximo de 1.000 euros por proxecto para facer fronte a custos do modelo de prototipo ou demo dun produto ou servizo que forme parte da iniciativa emprendedora.
Mentres, unha marca de roupa e accesorios de produción local, que ofrece roupa urbana e de xénero neutro, con deseños personalizados que parten da pertenza a unha de catro tribos urbanas foi a merecedora do Incuvi Consolida, que comprende 10 horas de asesoramento e mentoring e unha achega económica máxima de 1000 euros para enfrontar custos derivados da consolidación do proxecto.
11 Premios Incuvi Emprende
Finalmente 11 foron os proxectos que na decimo cuarta edición dos galardóns acadaron o recoñecemento.
Camino 360 propón unha aplicación integral de servizos para o Camiño de Santiago que reúne nun único espazo todas as áreas que necesita o peregrino. Ademais, incorpora unha dimensión social que conecta peregrinos entre si e favorece a interacción durante a viaxe.
Pola súa banda, NovaTerra busca crear unha metodoloxía estandarizada de recuperación post-incendio, baseada en datos, ciencia e ferramentas tecnolóxicas, que acelere a rexeneración dos montes e ofreza análises como avaliacións de severidade e recomendacións de intervención para orientar ás entidades responsables.
Urco céntrase na produción de drones submarinos de baixo custo que se poidan usar con distintos propósitos, tanto para uso xeneral como para tarefas especializadas.
Mentres, By Cesar Moreno é un desenvolvemento duna marca de deseño de autor que crea prendas e complementos en edición limitada, ilustrados e producidos localmente en Galicia. Inclúe deseño, produción ética, comercialización en liña e propostas visuais cunha identidade cultural que conecta Galicia e Colombia.
Bioinspiracion en movilidad é un servizo de deseño de produto enfocado na automoción baseado na biomémeses e nas solucións OEM e Loomi, unha plataforma que permite a pais e profesorado crear contos personalizados con explicacións adaptadas, empregando IA para reforzar aprendizaxes complexas a través da narrativa.
Anygrid é unha rede de carga aberta que ofrecerá, aseguran os seus promotores, a maior e máis cómoda rede de carga de España, cumprindo co desexo de moitos condutores de poder cargar nos farois a pé de rúa.
Mentres, Entre costas ofrece produtos con alto valor agregado, bolsos, prendas e complementos feitos a man, que fusionen técnicas artesanais arxentinas con técnicas de Galicia.
Destinos que cuentan oferta unha ventá inmersiva ao espectador dixital, facéndolle sentir en segundos un pouco da vivencia de aqueles lugares ou destinos contados polo seus creadores ou nativos, usando como piloto a Comarca de Celanova.
Pola súa banda, Acería Paradanta formula unha fábrica de produción de aceiro, adaptada eo tipo de demanda e especializado na venda de aceiro de ferramentas na industria, mentes que Help me ofrece un servizo consumer to consumer baseado na confianza no que as persoas usuarias poden crear un perfil con habilidades que poden desenvolver.
Tres novos Avanza
No segundo chanzo do itinerario do emprendemento deseñado pola UVigo, tres os proxectos que recibirán as Axudas Avanza.
Trátase de AF art Advisory, unha consultoría artística especializada en estratexia, representación e comunicación para artistas, galerías, institucións e coleccionistas, promovida por Ainhoa Fernández Moreira.
ConsultorIA&DataSafe INnovations oferta un servizo integral de asesoramento sobre riscos dixitais que combina a protección de datos, a seguridade da información, a regulación da publicidade e o dereito do consumidor, por iniciativa de Leonardo Valdez Obando e Carlos Eduardo Torres Giraldez
E da man de Emilio Boo Blanco, naceu OndaViva, un programa de adestramento onde o corpo flúe, a mente se acouga e os sentidos se conectan.
Never (A), unha marca de roupa e accesorios de produción local, que ofrece roupa urbana e de xénero neutro, e acceso en liña con deseños personalizados que parten da pertenza a unha das catro tribos urbanas é o proxecto de Andrea González Lozoya que este ano acadou a Axuda Consolida na súa sexta edición.