1Password incorpora o desbloqueo con pegada dixital

martes, 9 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

Para facilitar a xestión de numerosos contrasinais existen numerosas ferramentas para ordenadores e dispositivos móbiles, sendo unha das máis populares 1Password, que vén de renovar a súa versión para Android incorporando novidades moi interesantes. Así, 1Password 6 para Android adapta a súa aparencia gráfica para facer uso de Material Design, de xeito que os usuarios de smartphones con Android 4.1 ou superior poden ver como a nova aplicación adopta unha estética que casa ben co seu sistema operativo.
Pero unha das grandes vantaxes que ten 1Password 6 é que a aplicación pode desbloquearse co lector de pegadas dixitais do móbil (prestación cada vez máis presente en novos terminais) o que resulta especialmente cómodo, xa que cando unha aplicación solicite un contrasinal, se o temos almacenado en 1Password, chegará con pousar o dedo sobre o lector de pegadas para identificarnos, evitando así o incómodo paso de ter que introducir un contrasinal complexo nun teclado virtual. Para o desbloqueo mediante pegadas dixitais 1Password fai uso dunha prestación que Google introduciu en Android 6.0, de xeito que cada vez será máis común que atopemos aplicacións que incorporen este tipo de facilidade de acceso mediante o sensor biométrico do móbil.
1Password 6 para Android é unha aplicación descargable de balde, que integra compras na aplicación para desbloquear funcionalidades Premium (de balde para quen pagase en versións anteriores de 1Password).