20 empresas coruñesas impulsarán a súa estratexia online internacional con axuda da Cámara
xoves, 7 de marzo do 2024
A Cámara da Coruña abrirá o prazo de solicitude de axudas para a convocatoria do programa Xpande Dixital 2024 o vindeiro 12 de marzo. Trátase, en palabras da entidade cameral, dun programa dirixido a pemes da demarcación “que busquen incrementar as súas vendas a través do impulso da canle online e chegar ou afianzarse en mercados internacionais”.
Ademais, achegaranse recursos para que as empresas fomenten e potencien o emprego da mercadotecnia dixital como ferramenta básica para mellorar o posicionamento da peme en mercados internacionais a través dun asesoramento personalizado organizado en varias fases, e dun paquete de axudas ao investimento que poden chegar aos 3.200€ por empresa.
Nunha primeira fase de asesoramento, totalmente gratuíta para a empresa, os profesionais da Cámara realizan unha análise pormenorizada da compañía co obxecto de desenvolver un informe de recomendacións e un plan de acción en mercadotecnia dixital. A continuación, procédese á posta en marcha do plan de acción, un conxunto de accións destinadas a fortalecer a posición competitiva da peme no mercado obxectivo e para o produto ou servizo que seleccionase previamente.
As accións que se poderán subvencionar ao 60% con Fondos FEDER son: modificación dunha web, tenda online, aplicación móbil; alta ou xestión de contas e mercadotecnia en liña en marketplaces; accións de Inbound Marketing; deseño e creación de campañas en redes sociais (SMM); posta en marcha de accións de posicionamento orgánico (SEO); reparación de analítica web e deseño de campañas de publicidade en liña (SEM) en Google Ads e/ou en plataformas PPD internacionais.
Ao inscribírense en Xpande Dixital 2024, as empresas optan a unhas axudas que poden chegar ata 3.200€. Hai 20 prazas dispoñíbeis e o prazo de solicitudes comezará o 12 de marzo e finalizará o 30 de xuño ou cando se esgoten (a través da sede electrónica da Cámara).
Ao redor de 100 empresas coruñesas de diferentes sectores afianzaron a súa estratexia en liña internacional en países como EEUU, México, Francia, Italia, Portugal, UK, Emiratos ou Alemaña entre outros desde o inicio da súa actividade.
Xpande Dixital 2024 é un programa que xestiona a Cámara de Comercio e que está co-financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).