
Respecto da incorporación do Viveiro de Empresas da Estrada, fíxose pública a comezos de xaneiro. Segundo se fixo saber, o obxectivo é que actividade na vila pontevedresa arrinque este mes de febreiro, contando co apoio integral do Concello, que pon a disposición do programa da Deputación de Pontevedra as instalacións do dito acubillo empresarial. A finalidade é achegar asesoramento tecnolóxico avanzado aos emprendedores, empresarios e autónomos locais. Estas novidades foron dadas a coñecer polo tenente de alcalde, Juan Constenla, durante a presentación de SmartPEME na Estrada. Na cita, Constenla estivo acompañado polos deputados Carlos López Font e Javier Dios, por técnicos de SmartPEME, así como representantes do tecido empresarial e comercial local. Segundo fixeron saber, o horario de atención ao público na Estrada será dúas veces ao mes: o primeiro e o último mércores en horario de 10.00 a 14.30 e de 16.00 a 19.00 horas variando en agosto que será de mañá, de 09.00 a 14.30 horas. Será un servizo de asesoramento individualizado, cen por cen de balde, no que cada interesado contará cunha bolsa de 10 horas para poder informarse sobre cada cuestión. O Concello e a Deputación tamén engadiron que a este servizo súmase un asesoramento vía telemática.
Amais da anterior presentación, días máis tarde os representantes da Deputación trasladáronse a Porriño para, na compaña do equipo de Goberno local, dar conta dos importantes éxitos da oficina de SmartPEME en 2017. Segundo salientaron, durante o ano que vimos de deixar atrás realizáronse nas instalacións porriñesas 378 asesoramentos, un 66% máis que en 2016, e impartíronse 80 obradoiros aos que asistiron 452 persoas, un 32% máis que o ano pasado. Na cita participou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, acompañada polo deputado de Innovación, Javier Dios, a alcaldesa do Porriño, Eva García, e dúas emprendedoras locais, Ángeles Paz (Dronval) e Jana Kadlecová (East West Experience), que recibiron asesoramento na oficina SmartPEME e fortaleceron, coa formación, cadansúas experiencias de éxito.

Durante a visita á oficina de SmartPEME en Ponteareas a presidenta da Deputación reuniuse coas persoas responsables dos proxectos empresariais de éxito Nutre en Bio e Gaitas Eduardo Represas, que foron asesoradas pola oficina en diferentes accións relacionadas coas novas tecnoloxías.
A rede SmartPEME ponse máis preto das empresas e a veciñanza
Compartir Este Artigo
