3D Builder chega a móbiles e Xbox One

luns, 5 de decembro do 2016 Marcus Fernández

De cara ao lanzamento da Creators Update de Windows 10 Microsoft vén de actualizar a súa aplicación 3D Builder, que permite ver capturar, personalizar e imprimir modelos tridimensionais con soporte de numerosos formatos de ficheiro (3MF, STL, OBJ, PLY e WRL) e compatibilidade cunha ampla selección de impresoras 3D e co servizo de impresión 3D en liña i.materialise, de xeito que agora presenta unha interface estilo Office (para resultar máis familiar para os usuarios), permite crear obxectos 3D dende 0 e, principalmente, amplía o número de dispositivos dende os que está dispoñible, de xeito que xa non é unha aplicación exclusiva do PC, senón que agora é tamén compatible cos sistemas holográficos de Microsoft, con smartphones e incluso coa consola Xbox One, o que pode resultar especialmente interesante se contamos cun sensor Kinect.
Estamos ante unha ferramenta que permítenos un achegamento á creación de contidos tridimensionais, aínda que coa actualización de Windows 10 e o Paint 3D aínda será máis doado afondar nun xeito de crear contidos que dende Microsoft queren popularizar para facilitar que as tecnoloxías do futuro como a realidade mixta poidan contar con contidos creados polos usuarios, evitando así os problemas de falta de contidos que tiveron outras tecnoloxías emerxentes que non conseguiron callar (como o vídeo estereoscópico).