Esta fin de semana celebrarase un XGN R Encounter presencial con 425 participantes

venres, 8 de outubro do 2021 Redacción

A 21ª edición de XGN R Encounter comeza mañá no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA con 425 participantes que gozarán até o vindeiro luns dunha cita tecnolóxica que recupera o seu formato presencial para os inscritos, nunha edición con aforo reducido.
Trátase da segunda grande LAN party no ámbito español tras a celebración da Euskal Encounter o pasado mes de xullo en Bilbao, que recupera a presencialidade dos participantes. Estes poderán gozar dun programa que incluirá máis de 40 actividades lúdicas e formativas, entre elas competicións de arte dixital, seguridade informática ou videoxogos.
A aposta pola seguridade é unha das premisas principais desta cita, que conta cun completo protocolo de prevención fronte á COVID-19, favorecido polos enormes pavillóns do recinto, a súa ventilación e a redución do aforo, menor do habitual nos últimos anos, o que permite en todo momento unha ampla separación persoal entre participantes. Sumaranse aspectos como a medición de CO2, reforzo da vixilancia e a limpeza, uso obrigatorio de máscara ou habilitación de puntos de desinfección.
Esta cita é a quinta con R como colaboradora e patrocinadora oficial, a cal proporciona ademais 20 xigas de velocidade de conexión ao evento, e de novo conta co apoio da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, impulsora da party.
Especialmente interesante será nesta edición a área de hardware, que entre as súas moitas actividades, como a modificación e personalización de equipos, inclúe un obradoiro para montar unha videoconsola retro, a Open LED Race, carreira onde os participantes terán que facer avanzar a súa cor LED por un circuíto, e o Roteiro Maker, unha iniciativa que tenta achegar a ciencia e a tecnoloxía ás zonas rurais e semirrurais de Galicia con diferentes obradoiros para todos os públicos e nun formato innovador e divertido. Tamén haberá competicións de arte dixital, centradas en curtametraxe, gráficos 3D, ilustración e música dixital, concurso de dobraxes e fotografía, retoque fotográfico, fast compos e anime music vídeo.
Así mesmo, os participantes afeccionados ao software libre poderán tomar parte no AI Contest, unha proba consistente en programar un robot para que compita con outros nun sinxelo xogo. De igual forma, organízanse torneos de trece videoxogos distintos, entre os que non faltan algúns dos máis populares, como LOL, CSGO, Valorant ou Skribbl. io, Fifa21, JustDance 21, Guilty Gear: Strive ou Mario Kart 8: Deluxe. E, como sempre, haberá tamén divertidos xogos como o Trivial de cinema, o karaoke ou o “Non te rías que é peor”.
A XGN R Encounter tamén incluirá un programa de actividades que será unicamente online e de acceso aberto e gratuíto tanto para os rexistrados como para o público en xeral. Desta maneira, quen o desexe poderá desfrutar a través da canle de Discord da party ou de Youtube de conferencias e talleres con títulos tan atractivos como Guía de supervivencia de criptomonedas, IVAO España, a familia da simulación aérea, Un stream desde o outro lado ou O onte e hoxe do k-pop.

PUBLICIDADE