535.000 portátiles de Sony deben actualizar o seu firmware para evitar o sobrequecemento

xoves, 1 de xullo do 2010 Marcus Fernández

As baterías de portátiles de Sony foron tristemente coñecidas polo risco de explosión que tiñan varios modelos por mor dun fallo de fabricación, o que parece converterse nunha nova cíclica, e así agora Sony vén de advertir que 535.000 dos seus portátiles VAIO (dos que 103.000 terían sido distribuídos en Europa), concretamente das series VPCF11 e VPCCW2, teñen un defecto que pode provocar un sobrequecemento que leve a un mal funcionamento do equipo que incluso pode chegar a deformar o teclado e a carcasa do portátil e mesmo queimar ao seu usuario (ata o momento detectáronse 39 casos).
Curiosamente este problema ten unha solución moito máis sinxela que cambiar a batería do equipo, pois arránxase cunha actualización do firmware dos equipos afectados, evitándose así a aparición dos mencionados problemas de temperatura.