A 18 edición da XGN R Encounter celebrarase en Silleda entre o 12 e o 14 de outubro
venres, 12 de xaneiro do 2018
Silleva
volverá acoller a nova edición (a número 18) do encontro
informático para a mocidade Xuventude Galicia Net, agora coñecido
como XGN R Encounter.
Así nolo vén de confirmar a organización do evento, Feira
Internacional de Galicia ABANCA, engadindo que se celebrará entre o
12 e o 14 de outubro deste ano e que novamente contará co apoio da
Consellería de Política Social e coa colaboración e patrocinio
oficial da empresa R de telecomunicacións.
Ademais
das datas e outros detalles, a organización tamén confirmou que xa
está a traballar, xunto coas restantes entidades devanditas, na
preparación desta nova xuntanza e na incorporación de melloras e
novidades. Con este obxectivo e co fin de acadar a máxima
repercusión a nivel galego e estatal, ligarase a cita galega coa
rede de Encounters
do Grupo Euskaltel, unha
iniciativa que se vén levando a cabo en Euskadi
desde hai 25 anos, e da que forman parte a Euskal Encounter, a
Gipuzkoa Encounter e a Araba Encounter.
Volvendo
á cita galega, contará
coa súa zona Intranet,
orientada aos inscritos, que
terán á súa disposición un
posto con dereito a acampar no interior do pavillón e a posibilidade
de
participar en torneos exclusivos. Este
espazo complementarase co ámbito Extranet,
área que acollerá “un completo programa de actividades”, en
palabras da organización, que engade que nestas actividades poderán
participar as persoas inscritas e tamén os visitantes en xeral. Por
outra banda, volverase incluír un
espazo expositivo complementario con presenza de empresas
relacionadas co material informático, as novas tecnoloxías e o
lecer electrónico.
A
organización tamén explica que aínda
que o evento comezará oficialmente o día 12 de outubro, abrirá as
súas portas de forma non oficial o día 11 pola tarde co obxectivo
de facilitar o acceso aos inscritos e permitir que comecen a
instalarse. Será unha xornada de probas técnicas e montaxe.
