A 46 edición de SIMO abre as súas portas o 7 de novembro

venres, 27 de outubro do 2006 Fernando Sarasketa

A 46 edición de SIMO (Feira Internacional de Informática Multimedia e Comunicacións de Madrid), celebrarase este ano entre o 7 e o 12 de novembro, como de costume na Feria de Madrid, onde os organizadores (IFEMA) tratarán de ofrecer contidos de interese para profesionais do sector das novas tecnoloxías e tamén para os visitantes en xeral (que os días 11 e 12 poderán acceder a todo tipo de actividades especialmente deseñadas para eles).
No recinto da mostra, que terá unha superficie de 35.000 metros cadrados, estarán representados os seguintes sectores: tecnoloxías da información (computadores, terminais, periféricos, compoñentes, consumibles, audiovisuais ou electrónica), aplicacións profesionais (desenvolvemento e distribución de software, seguridade) e telecomunicacións (comunicacións, telefonía móbil, redes ou operadores).
Ademais, e falando xa de actividades máis concretas, empresas, colectivos e institucións aproveitarán para dar a coñecer as súas últimas iniciativas ou produtos, como por exemplo o proxecto FON, que vai a SIMO para presentar “a comunidade Wi Fi máis grande do mundo, presente en 144 países de Europa, América, Asia e Oceanía e con 100.000 membros e máis de 25.000 puntos de acceso”; ou Toshiba, que acode á feira para dar a coñecer a tecnoloxía HD DVD e os seus novos reprodutores domésticos que chegarán ó mercado na segunda quincena do mes de novembro (poderemos ver estes dispositivos no salón da alta definición que Toshiba ten proxectado instalar).

PUBLICIDADE