A AMTEGA presenta unha guía de recursos de software libre para mulleres emprendedoras do rural

luns, 27 de outubro do 2025 Redacción

A AMTEGA vén de ampliar os recursos dispoñibles en mancomun.gal coa publicación da nova Guía de recursos de software libre para mulleres emprendedoras do rural, documento que recolle aplicacións, plataformas e servizos baseados en tecnoloxías abertas que buscan facilitar o emprendemento feminino no medio rural.
A guía nace co propósito de reducir a fenda dixital de xénero e territorial, ofrecendo solucións prácticas para o traballo cotián das emprendedoras, desde a xestión de proxectos e a comunicación ata o comercio electrónico e a creación de contidos. Enmárcase no Plan de Software Libre da AMTEGA e reforza o compromiso da Xunta de Galicia co impulso da igualdade de oportunidades no acceso á tecnoloxía.
A súa elaboración contou coa colaboración da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (FADEMUR), coa que a AMTEGA mantivo encontros e sesións de traballo para coñecer de primeira man as necesidades das mulleres do rural no uso das TIC. O resultado é unha guía adaptada á realidade do emprendemento feminino rural galego, que recolle tanto as demandas detectadas como propostas de solución baseadas en software libre.

Un documento práctico e accesible

A guía está redactada cunha linguaxe clara e próxima, pensada para achegar o software libre a usuarias con distintos niveis de experiencia dixital. Inclúe exemplos reais, recomendacións útiles e casos de uso que mostran como as ferramentas abertas poden apoiar o desenvolvemento dun proxecto emprendedor no rural.
Organízase en diferentes áreas temáticas que cobren o ciclo completo dun proxecto, desde a planificación e a xestión administrativa ata o deseño gráfico, a comunicación e a promoción en liña. Ademais, ofrece recursos formativos e comunidades de apoio que fomentan a aprendizaxe compartida e a colaboración entre mulleres emprendedoras.