A Arroutada Party chega á súa XIII edición

venres, 27 de outubro do 2006 Marcus Fernández

Do 1 ó 5 de novembro, o Coliseo da Coruña acollerá a XIII edición da Arroutada Party, que achegará a medio milleiro de afeccionados á informática que pagarán entre 20 e 30 euros de inscrición para poder compartir experiencias con outros usuarios e para poder participar en talleres didácticos e concursos como xa vén sendo habitual neste tipo de celebración.
A rede coa que contarán os usuarios terá unha velocidade de 1 Gbps, de xeito que poderán ter unha grande velocidade de acceso á Internet, mentres que na rede local tamén realizarán distintas actividades que van dende a compartición de ficheiros coma a participación en xogos en rede.
Os afeccionados ós xogos non só poderán atopar outros competidores, senón que tamén poderán facerse con importantes premios, de xeito que o 1º clasificado no Counter Strike acadará 1.200 euros (600 euros o segundo clasificado) aínda que o resto de concursos terán premios máis modestos.
As demostracións de gráficos 2D e 3D, de intros, de música e de fast graphics e fast coding tampouco faltarán, polo que esta party compre coas seccións tradicionais neste tipo de eventos.
Os interesados deberán inscribirse pronto, xa que as prazas son limitadas.