A Aula CeMIT de Ames organiza tres cursos formativos para os meses de maio e xuño
venres, 28 de abril do 2023
A
Aula
CeMIT do Concello de Ames continúa a súa oferta formativa durante
os meses de maio e abril, con dous cursos para adultos e un curso
dirixido á cativada. Os contidos impartidos abranguen aspectos
como aprender a buscar na Rede, a creación dun blog persoal ou os
primeiros pasos cun computador. A inscrición aos cursos pódese
facer chamando ao número de teléfono 682 373 753, escribindo ao
enderezo electrónico cemit.ames@xunta.gal ou presencialmente, nas
instalacións da aula (no primeiro andar da Casa da Cultura de
Bertamiráns).
Cursos
para adultos
Ofértanse
dous cursos para adultos, un con carácter presencial, e outro
online. O 29 de maio poñerase en marcha Atopa na Rede:
busca avanzada en Internet!, que se estenderá ata o 23 de xuño.
Trátase dun curso no que os participantes aprenderán a buscar ben
na rede achegándose a conceptos como que buscador se adapta mellor
ao que precisamos, o uso de filtros ou a busca con Intelixencia
Artificial. O curso terá lugar os luns, mércores e venres en
horario de 10:00 a 12:00 horas. Ofértanse un total de 13 prazas.
Xa
de maneira online impartirase o curso Crea o teu blog
persoal! O curso terá lugar entre o 5 de maio e o 28 de xuño.
Poderase seguir a través de retransmisións de Youtube todos os luns
e mércores, de 16:30 a 18:00 horas. Dende a Aula CeMIT enviarase por
correo electrónico aos participantes a información necesaria para
acceder a cada unha das sesións, asà como un breve titorial para
descargar e instalar os programas necesarios para o seguimento dos
cursos.
Crea
o teu blog persoal! é un curso centrado na creación dun blog
persoal, comezando dende a configuración básica ata opcións de
deseño máis avanzadas. Empregarase Blogger como plataforma de
exemplo.
Cursos
para menores de idade
Para
os nenos e nenas ofrécese, o curso Os meus primeiros pasos co
ordenador. Trátase dun obradoiro de iniciación á informática
pensado para nenos de 5 a 7 anos. Terá lugar dende o 9 de maio ata o
8 xuño, de xeito presencial, os martes e xoves de 17:15 a 18:15
horas.
A
cativada aprenderá a manexarse co ordenador mentres se divirte
xogando. Este curso servirá como base para que poidan realizar novos
cursos chegado o verán.
A
inscrición aos cursos, tanto para adultos como para a rapazada,
pódese facer chamando ao número de teléfono 682 373 753,
escribindo ao enderezo electrónico cemit.ames@xunta.gal ou
presencialmente, nas instalacións da aula (no primeiro andar da Casa
da Cultura de Bertamiráns). Os nenos e nenas deberán estar
previamente rexistrados na Rede CeMIT para participar neles. O
rexistro pódese facer na propia aula ou de maneira online,
accedendo a través desta ligazón.