A ferramenta para sincronizar oferta e demanda con IA está dispoñible en todas as oficinas de emprego

martes, 2 de abril do 2024 Redacción

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade en funcións, Elena Rivo, amosou esta mañá á vicepresidenta segunda e conselleira de Economía, Emprego e Industria do Goberno de Aragón, Mar Vaquero, como funciona a ferramenta tecnolóxica EMi dispoñible xa en todas as oficinas do Servizo Público de Emprego de Galicia, tras as probas iniciais realizadas nas de Pontevedra, Cambados e Ordes.
Este software permite sincronizar oferta e demanda en tempo real grazas á intelixencia artificial e á analítica avanzada, dotando ao Servizo dos recursos necesarios para que as empresas poidan localizar o mellor talento ao tempo que as persoas que recorren a el conseguen consolidar a súa traxectoria profesional.
Co afán de compartir experiencias coa representante aragonesa na busca dun mercado laboral de calidade, na presentación púxose de relevo que coa nova ferramenta trátase de identificar as necesidades do mercado de traballo en tempo real e de adaptar a formación e os itinerarios formativos a ditas necesidades, axustando de xeito áxil e de maneira máis efectiva os perfís coas candidaturas.
Entre outras funcionalidades, o sistema conta cun navegador competencial, cun emulador de ocupacións e cun recomendador de formacións, co propósito final de brindar aos usuarios unha atención áxil, personalizada e efectiva cun perfilado e titorización individualizados, con base nas necesidades reais das empresas.
A conselleira destacou que en 2024 destínanse 1,3 millóns de euros a consolidar a ferramenta EMi, avanzando na intelixencia artificial e na aprendizaxe automática para a xestión das políticas activas de emprego.

PUBLICIDADE