A Biblioteca Virtual de GaliciaDixital chega aos 91 títulos

mércores, 10 de xaneiro do 2018 Redacción

GaliciaDixital vén de comunicar que a súa Biblioteca Virtual foi quen de chegar esta mesma semana aos 91 títulos acubillados, unha destacada escolma de títulos de temática moi diversa e co engadido extra de estar ao libre dispor dos internautas, na Rede e de balde. Como lembraremos, a Biblioteca Virtual é unha iniciativa da plataforma GaliciaDixital que se dirixe a achegar en libre acceso obras en liña, publicadas ou inéditas, que doutro xeito os lectores dificilmente poderían conseguir.
No caso de obras inéditas, facilítase aos autores de xeito gratuíto a súa publicación, co fin de achegarse aos seareiros da lectura e poder recibir comentarios e xuízos sobre o seu traballo creador ou investigador. En canto ás obras xa editadas, poden estar esgotadas ou ser de difícil localización, ofrecendo aos seus autores este complemento ou alternativa para dar a coñecer as súas creacións
A intención de GaliciaDixital é seguir facilitando de balde este servizo a todos os autores que o desexen, podendo os interesados poñerse en contacto coa plataforma a través do enderezo correo@galiciadigital.com. Entre as últimas incorporacións figuran Vivimos unha longa traxedia, de Manuel Rodríguez López, Crónicas del alba, de Joaquín Antuña, De pura cerna, de Xosé María Gómez Vilabella, e Adeuses a Xosé Manuel Carballo, co compendio de obituarios que a través das páxinas de GaliciaDixital despediron a este singular crego, escritor e ilusionista lucense.

PUBLICIDADE