A Biblioteca de Innovación do Igape superou as 3.000 descargas en menos dun mes

luns, 23 de xaneiro do 2012 Raquel Noya

A comezos deste ano, a Consellería de Economía e Industria puxo a andar, a través do Igape, unha peculiar biblioteca da innovación coa que axudar aos empresarios e emprendedores do país a mellorar a competitividade das súas empresas.
Tratábase da Biblioteca Práctica de Innovación de Galicia, Aprende a innovar, que en menos dun mes xa leva rexistradas máis de 3.000 descargas de publicacións dixitais, todas elas de grande utilidade para as persoas interesadas en adquirir ideas innovadoras para os seus negocios e proxectos.
Esta colección dixital ofrece de balde preto de vinte títulos, dispoñibles en galego e castelán, para descargar tanto en formato PDF como en formatos compatibles con iPad (ePub) e distintos lectores de libros electrónicos (Mobi).
Os títulos achegados á plataforma, que conta coa colaboración da editorial galega Netbiblo, abordan catro temáticas interrelacionadas, que van dende a xestión da innovación ata a incorporación da tecnoloxía, pasando polo funcionamento dos proxectos innovadores ou o capital humano e a creatividade.
Máis polo miúdo, no ámbito centrado na xestión da innovación están dispoñibles títulos como Os Clusters, de Javier García Díez, centrado na cooperación empresarial como factor clave de mellora competitiva; ou O ABC da innovación, de Juan Vicente García Manjón e Javier Alfonso Rodríguez Escobar. Entre os estudos que abordan o ámbito da tecnoloxía destacan Biotecnoloxía, de Juan P. Duque, centrado nun dos sectores punteiros da innovación ou Provedores de coñecemento, de Javier González Sabater, así como Web 2.0, de José Luis Marín de la Iglesia.
Do eido do financiamento, na biblioteca inclúense publicacións como Business Angels, de Pablo Martínez García e José Gabriel García Ortega; I+D+i en Europa, de Manon van Leeuwen, que achega unha introdución ao VII Programa Marco da UE; ou Start-ups, de Isidre March Jorda. No que respecta aos eidos do capital humano e a creatividade atópanse publicacións como Faino distinto, de Santiago Sousa Carreira ou e As 3R do seu negocio, de Fernando Sáenz-Marrero Fernández, que achega información sobre conceptos, ferramentas e casos de referencia que poden axudar a re-pensar, re-deseñar e re-emprender nun negocio.
Este novo servizo da Consellería de Economía e Industria está a disposición de tódalas persoas interesadas que se rexistren previamente e certifiquen a súa condición de empresarias ou emprendedoras.

PUBLICIDADE