A Campus Party máis “verde” abre hoxe as súas portas coa previsión de 7.460 participantes
luns, 23 de xullo do 2007
Party grande, ande ou non ande. Se cadra esta máxima tan tradicional e tan galega non é finalmente nin tan tradicional nin tan galega, e en Valencia os internautas teñen a súa versión particular na súa propia lingua. Estas son as cousas que se nos veñen á cabeza coa nova edición da Campus Party, o encontro informático de máis sona que se organiza naquelas terras e, para moitos especialistas na Rede, un dos máis salientable do mundo. Polo menos, no que a volume de xente reunida non semella que teña parangón: ás 12.00 horas de hoxe luns 23 un total de 7.460 internautas inscritos previamente petarán na porta da Feria de Valencia, o edificio deseñado por Santiago Calatrava que acollerá as diferentes actividades deste evento xuvenil e principalmente masculino (e tanto, porque o 70% dos asistentes ten menos de 25 anos e a taxa de mulleres anda a rentes do 12%).
Polo que respecta ás novidades, que, xunto cos récords de asistencia son o anzol no que trabamos os medios de comunicación, cómpre sinalar que semella haber moitas e para escoller. Nesta web xa temos falado dalgunha que outra, pero sen lugar a dúbidas quedámonos agora coa seguinte, con independencia de que sexa ou non unha novidade “quedabén” (presentada para contrarrestar as críticas á moita enerxía consumida durante estas xornadas no devandito recinto): este ano achegarase a plantación dunha árbore por cada “campuseiro” participante. A medida susténtase no seguinte: cada unha desas árbores contribuirá (cada ano) a retirar da atmosfera 2.200 quilogramos dos gases que provocan o quecemento da Terra.
Sexa como sexa, as novidades desta edición non se limitan a un escoramento cara unha concepción máis “verde” da enerxía. Así, cómpre sinalar que probablemente esteamos perante o comezo dunha nova era para as partys e os encontros informáticos en xeral baixo teito: a era da deslocalización. Dito doutro xeito: as partys máis importantes van saír dos seus límites físicos e virtuais, e a Campus Party non será unha excepción, posto que na axenda dos organizadores figura desenvolver edicións anuais en 14 países de todo o mundo, sendo o primeiro encontro en Sao Paulo, entre o 11 e o 17 de febreiro.
A maiores, sinalar que a Campus Party inclúe este ano unha área para presentar os últimos avances tecnolóxicos en materia de gadgets, computadores e lecer dixital (Campus Futuro) e que tamén servirá para presentar o proxecto Vidiface, desenvolvido en Bolonia, que vai encamiñado a permitirnos controlar os obxectos que aparecen na pantalla do computador a través dunha interfaz.
Nesta edición 2007, o evento divídese en oito áreas: Astronomía, CampusBot (robótica), CampusCrea (creatividade), Desenvolvedores, Xogos, Modding (deseño vangardista para os ordenadores), Simulación e Software Libre.
