A Cidade da Cultura acolleu un novo foro sobre innovación educativa

venres, 1 de decembro do 2017 Marcus Fernández

O evento ao redor da innovación educativa InquEDU celebrou hoxe a súa primeira edición na Cidade da Cultura de Galicia, espazo que aproveitou para presentar proxectos pedagóxicos innovadores que se están a ensaiar con éxito en centros educativos galegos e que representan novas abordaxes didácticas a temas como a diversidade sexual, a igualdade de xénero, a aplicación das tecnoloxías dixitais nas aulas ou a aprendizaxe de idiomas.
A xornada co-organizada pola Fundación Galicia Sustentable e a Fundación Cidade da Cultura, no marco do seu programa de apoio ao emprendemento ten por obxecto darlle visibilidade aos novos modelos, recursos e ferramentas que se están a probar con éxito en centros da comunidade, ao tempo que se promove un debate que involucra a profesores, alumnos e docentes en torno aos cambios e desafíos na educación.
No que á aplicación de tecnoloxías dixitais se refire o máis salientable foi a intervención de Juan Sanmartín, profesor de Educación Secundaria e Coordinador TIC do C.P.R. Vila do Arenteiro (O Carballiño), editor en The Flipped Classroom e creador e administrador dunha páxina web de seu con recursos para revolucionar o ensino invertendo as aulas.
Nesta xornada, presentáronse tamén os gañadores do concurso ComunicatEDU, un programa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria dirixido a fomentar a adquisición de habilidades orais entre o alumnado. InquEDU contou coa intervención da científica África González e o músico Roi Casal, como representantes de eduMOTIVA, unha iniciativa da Xunta dirixida a ofrecer aos centros de ensino experiencias de persoeiros de recoñecido prestixio profesional e relevancia social para favorecer entre o alumnado valores como a motivación, o esforzo, a superación ou a curiosidade.

PUBLICIDADE