A Cidade das TIC acollerá a xornada Conexión Maker Faire Galicia

venres, 3 de outubro do 2025 Redacción

A Coruña será o epicentro da innovación galega o vindeiro 8 de outubro coa celebración da xornada Conexión Maker Faire Galicia, un encontro que busca fortalecer os lazos entre talento, tecnoloxía e industria desde a Cidade das TIC. Organizado polo equipo da Maker Faire Galicia en colaboración coa Xunta a través do IGAPE, Startup Galicia e o Clúster TIC Galicia.
A programación, que se desenvolverá entre as 12:00 e as 15:30, inclúe mesas de debate sobre o ecosistema galego de innovación e a diversidade industrial, con voces destacadas como Carmen Pumariño (Startup Galicia), Isaac Rosón (IGAPE) e Antonio Rodríguez del Corral (Clúster TIC Galicia). Entre os proxectos presentados, destacan iniciativas como Siluro, unha embarcación autónoma e reciclada da UVigo que retira plásticos do mar mediante intelixencia artificial; RePowerSiC, da USC, centrado na transferencia de enerxía sen cables en condicións extremas; e Néboda Farms, unha start-up que aposta pola agricultura vertical e o cultivo hidropónico con alta eficiencia hídrica.
A xornada incluirá tamén un coloquio arredor do libro Galicia, Distrito Industrial, con intervencións de Daniel Hermosilla (Rodiñas), Pilar Vila (Forensic & Security) e o autor Antón Bahamonde, moderado por Alexandre Bastos. Como peche, haberá un espazo de comida networking para favorecer novas conexións profesionais.
A asistencia é gratuíta, mais require inscrición previa a través do formulario oficial da Maker Faire Galicia. O evento promete ser unha mostra da capacidade transformadora do tecido emprendedor galego e unha plataforma para proxectar a innovación local cara ao futuro.

Programa

  • 12:00 – 12:05 horas: Saúdo e benvida a cargo de Covadonga Toca, directora xeral do IGAPE

  • 12:05 – 12:40 horas: Mesa sobre o ecosistema galego de innovación, moderada por María Parga, con representantes de Startup Galicia, Clúster TIC Galicia e IGAPE

  • 12:45 – 13:25 horas: Mesa sobre a biodiversidade da industria galega, moderada por Pablo Grandío, con presentacións de Siluro (UVigo), RePowerSiC (USC) e Néboda Farms

  • 13:30 – 14:30 horas: Coloquio arredor do libro Galicia, Distrito Industrial, moderado por Xandre Bastos, con intervencións de Daniel Hermosilla, Francisco Bahamonde e Pilar Vilar

  • 14:30 – 15:30 horas: Xantar e espazo de networking