A Complutense acollerá un encontro de desenvolvedores de videoxogos

martes, 7 de xullo do 2009 Marcus Fernández

Os días 22 e 23 de xullo na Facultade de Informática da Universidade Complutense de Madrid terá lugar o encontro de desenvolvedores de videoxogos iDÉAME, auspiciado polo Máster de Desenvolvemento de Videoxogos da Complutense.
O obxectivo deste foro é pór en contacto á xente que está a comezar a crear un proxecto ou ten en mente novas ideas que non sabe cómo comezar, con xente que xa levase adiante os seus desenvolvemento no sector, de xeito que poidan intercambiar experiencias e contactos.
A cota de inscrición a iDÉAME é de 20 euros e entre os poñentes estarán Elizabeth England, deseñadora senior de 5th Cell (Scribblenauts); Jasper Koning, co-fundador de Ronimo Games (Swords & Soldiers); Ole Stubbe, co-fundador de Press Play (Max and the Magic Maker); Roberto Álvares, fundador de Over the Top Games (NyxQuest: Kindred Spirits); José Manuel Íñiguez, director de Akaoni Studios (Zombie Panic in Wonderland); Yann Fourneau (Gameloft); Nacho García, director de Abylight (Fish’’em All); Luis Fernández, xefe de desenvolvemento de Pyro Studios (Planet 51) e o popular Gonzo Suárez, director de Arvirago (The Lord of Creatures).