A Coruña acolle un importante festival da animación dixital

xoves, 9 de xullo do 2009 Marcus Fernández

Este mércores comezou na Coruña o VIII Festival Internacional de Animación, Efectos Especiais, Videoxogos e Arquitectura Dixital Mundos Digitales, que xunta a profesionais de todo o mundo neste encontro xa consolidado no que tomar o pulso ao sector e poder escoitar de primeira man detalles sobre os últimos traballos e tecnoloxías.
Os asistentes ao evento que acolle a sede coruñesa da Fundación Caixa Galicia puideron ver onte a recreación da praza de San Pedro elaborada por Double Negative para a película Ángeles y Demonios ante a prohibición do Vaticano de tomar imaxes deste enclave, polo que tiveron que empregar certas argucias para solucionar o problema, de xeito que tomar máis de 250.000 fotografías do contorno para construír un modelo tridimensional.
Ziah Foguel, de Double Negative, tamén comentou que a súa compañía optou por desenvolver un novo software houdini para encher o espazo tridimensional creado de xente para darlle unha aparencia máis realista e, a pesares das avanzadas técnicas empregadas, precisaron de entre 2 e 3 semanas para gravar cada unha das tomas principais.
Manuel Meijide, director do Festival, asegurou que o certame presentará material en primicia, contará coa proxección da edición asiática de Electronic Theater, terá lugar a primeira edición Cgarchitect Filme Festival e incluso trasladaranse ata a Domus coruñesa para ver fragmentos en 3D da nova produción de Dygra, Holy Night.