A Coruña acollerá unha xornada sobre o desenvolvemento e o deseño de videoxogos

luns, 27 de marzo do 2017 Marcus Fernández

O interesados no ámbito dos videoxogos a nivel profesional teñen unha interesante sesión matinal no salón de actos da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade da Coruña o vindeiro xoves, as IV Xornadas de Deseño e Desenvolvemento de Videoxogos, que contará cun par de relatorios e unha mesa redonda de profesionais do xector que sen dúbida serán enriquecedoras para os que queiran coñecer mellor os perfís profesionais involucrados neste eido multidisciplinar.
A primeira charla botará a andar ás 9:00 horas, na que Tatiana Delgado de Vertical Robot dará conta da súa experiencia traballando en deseño de niveis; para dar paso ás 10:30 horas a Alfredo González-Barros de Underdog Studios, quen fará un repaso á evolución da narrativa interactiva.
A ambos relatores sumaranse os galegos Fernando Prieto (Gato Salvaje Studio) e Luz Catro (Imaxin) nunha mesa redonda moderada por Antonio Seoane (Facultade de Ciencias da Comunicación) para abordar a converxencia de roles no desenvolvemento de videoxogos a partires das 12:30 horas.