A Deputación de Lugo renova a aposta polo Centro de Innovación e Transferencia
luns, 27 de outubro do 2014
O
pasado venres 24 de outubro a vicepresidenta segunda da Deputación
de Lugo,
Lara Méndez, visitaba as instalacións do Centro
de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía
(CITT) co gallo de anunciar a
renovación do convenio de colaboración entre ambas entidades.
Cómpre dicir que o organismo provincial colabora con este centro da
Universidade de Santiago na dinamización do sector da innovación
tecnolóxica, a investigación e a difusión de coñecementos no
medio económico e social cunha achega de 9.500 euros.
Ao
acto tamén acudiron o vicerreitor de Coordinación do Campus de
Lugo, Javier Bueno; o vicerreitor de Desenvolvemento Científico e
Tecnolóxico do Campus, Andrés Barreiro; o vicepresidente de Caixa
Rural, Luciano Sánchez; e o Secretario Xeral da CEL, Jaime López.
Dende
o acto salientouse que a institución luguesa contribúe “a
favorecer a interrelación entre as actividades universitarias e as
necesidades empresariais”, posto que se enmarca -segundo Méndez-
“dentro da aposta pola educación pública de calidade, pola
investigación, o desenvolvemento e a innovación”. E engadiu: “En
épocas de crise non podemos permitir recortes nestas materias,
fundamentais para o progreso do país, para crear e impulsar a
economía”.
É
preciso lembrar que a Deputación leva preto de 30 anos traballando
coa USC e case 20 co CITT. Este convenio vense renovando de xeito
anual dende 1995, cando foi concretada a construción do CITT co
obxectivo de establecer un servizo que relacionara as demandas
específicas en materia de investigación en xeral, e da
investigación aplicada en particular no marco do Campus lugués.
