A Deputación de Ourense e o Catastro achegan ferramentas virtuais e participativas á cidadanía

xoves, 13 de xuño do 2024 S. P.

O presidente provincial, Luis Menor, o director de Área de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación, Marcos Valiño; e Javier García, delegado de Economía e Facenda en Ourense, presentaron á cidadanía e aos alcaldes e alcaldesas da provincia diferentes contidos virtuais destinados aos concellos e á veciñanza. Fixérono no marco dos actos da Semana da Administración Aberta.
Menor sinalou que desde a Deputación “estamos a traballar para estar á vangarda dos servizos dixitais, e así poder ofrecer á veciñanza e aos concellos da provincia solucións cada vez máis áxiles, transparentes e en tempo real. E todo elo facémolo asumindo investimentos importantes e colaborando con diferentes institucións, como neste caso o Catastro”.
As ferramentas amosada pola entidade supuxeron un investimento de 2 millóns de euros, son tres iniciativas baseadas en renovar o sistema do padrón municipal en todos os municipios da provincia (padrón online); en poñer a disposición da cidadanía unha oficina virtual de atención ao cidadán, operativa as 24 horas do día mediante Intelixencia Artificial; e a creación dun espazo semántico de coñecemento de toda a provincia de Ourense.
Lembrou tamén Menor que en paralelo a estas accións, a Deputación investiu outro millón de euros en renovar a versión dixital do Boletín Oficial da Provincia, operativa xa desde marzo; e tamén está a piques de rematar a actualización do aplicativo da Recadación Provincial, que estará operativo a finais de ano. “Agardo e desexo que estes avances sirvan para seguir aplicando as posibilidades das novas tecnoloxías en beneficio dos concellos e da veciñanza da nosa provincia”, sinalou o presidente provincial”, anunciando que na Deputación “continuaremos facendo o que debemos facer: cooperar e ser unha administración útil para todos os municipios de Ourense”.
Pola súa banda, a Xerencia Territorial do Catastro, a través de Javier García, delegado de Economía e Facenda en Ourense, presentou as súas solución virtuais: un novo servizo opcional para que a veciñanza poida ser atendida por persoal da Xerencia Territorial do Catastro a través de vídeochamada; unha aplicación móbil para facilitar as consultas e as xestións dos cidadáns co Catastro; e un novo asistente virtual ao cidadán na Sede Electrónica do Catastro.

PUBLICIDADE