A Deputación de Pontevedra avanza na transformación dixital dos concellos con novos proxectos e 1,4 millóns de euros
venres, 29 de decembro do 2023
A
Deputación de Pontevedra segue a dar avances a prol da
transformación dixital dos concellos de menos de 20.000 habitantes
da provincia. Faino a través do programa financiado con fondos
europeos que beneficia a un total de 50 concellos da provincia. Nesta
liña, o presidente provincial Luis
López anunciou este venres 29 de decembro a adxudicación de novas
actuacións cun orzamento total de 1,4 millóns de euros.
En
concreto, adxudicouse a plataforma de vídeo-actas e retransmisión
de plenos, que se porá en marcha en 36 concellos e que conta cun
investimento de 559.000 euros. Ademais, subministraranse a todos os
concellos participantes no programa equipos informáticos por 593.000
euros. Trátase de 546 computadores portátiles estándar con
capacidade para o desenvolvemento das tarefas ofimáticas máis
habituais, para os que se destinan 492.000 euros, e 93 equipos
avanzados, que teñen maiores capacidades para que persoal técnico
poida desenvolver traballos que requiran prestacións superiores,
dotación que se adxudica por pouco máis de 100.000 euros.
Por
outra banda, destinaranse 187.500 euros a incorporar aos equipos de
almacenamento xa existentes nos Centros de Procesado de Datos (CPD)
dunha nova infraestrutura de alta capacidade e rendemento para
acoller as novas ferramentas que se porán en marcha ao abeiro deste
programa, como a mencionada plataforma de vídeo-actas.
Por
último, algo máis de 55.000 euros serán para a plataforma de
comunicación e xestión de incidencias que “posibilitará unha
relación bidireccional entre a cidadanía e os 32 concellos que a
solicitaron e que permitirá a participación cidadá, así como a
difusión de información e a xestión de incidencias”, explicou o
presidente provincial.