A Deputación de Pontevedra facilita a xestión dos tributos locais mediante pago con Bizum

venres, 14 de xuño do 2024 S. P.

Facer máis doados os trámites administrativos e o xeito de pagar os tributos municipais xestionados por conta dos concellos é o obxectivo do servizo ORAL da Deputación Pontevedra que vén de poñer en marcha dúas novas ferramentas coas que pretende simplificar o pagamento dos tributos locais.
Así o presentaba o deputado provincial de Xestión Tributaria, Alejandro Lorenzo, durante a inauguración da Xornada A Administración cada vez máis cerca, que a institución provincial celebrou onte, xoves 13 de xuño no Pazo provincial xunto coa Xerencia Territorial do Catastro de Pontevedra con motivo da Semana da Administración Aberta.
Asemade, Lorenzo anunciaba que o ORAL activou Bizum como nova maneira de realizar o pagamento dos tributos non domiciliados a través da Oficina Virtual Tributaria e, nas oficinas de atención presencial, a opción de realizar o pago dos impostos e taxas municipais con tarxeta de crédito ou débito, sendo asistido en todo intre polas persoas funcionarias.
Estas novas ferramentas permiten “ampliar os lugares onde abonar os tributos municipais dos concellos e entes que os teñen delegados na Deputación”, podendo ser pagados en todas as sucursais das entidades bancarias colaboradoras ou nas súas bancas electrónicas, en calquera oficina de Correos, na Oficina Virtual Tributaria con tarxeta ou mesmo Bizum e o pago presencial con tarxeta de crédito ou débito. Na xornada, celebrada onte no Salón de Plenos do Pazo provincial, tamén se presentaron outras solucións que se están a impulsar desde o ORAL, como as novas funcionalidades a través da Oficina Virtual Tributaria ou a relevancia da xestión catastral na xestión e recadación de tributos.
Alén disto, Micaela Martínez (xerente territorial do Catastro en Pontevedra) e Jesús Castillo (xerente territorial adxunto) presentaron as novas solucións virtuais do Catastro, como o CAPIDIC, un novo servizo para que a veciñanza poida ser atendida por persoal da Xerencia Territorial do Catastro vía vídeo chamada; o CatasTRO.app, unha aplicación móbil para facilitar as xestións das persoas cidadáns co Catastro, ou CATIA, o novo asistente virtual á cidadanía na Sede Electrónica do Catastro, entre outras.

PUBLICIDADE