A Escola de Enxeñería Industrial de Vigo celebrará unha 5ª edición da súa Competición de Robots

mércores, 16 de xaneiro do 2019 Redacción

O vindeiro 26 de abril a Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo acollerá a quinta edición da súa Competición de Robots, que na súa traxectoria superou os 3.000 participantes en preto de 600 equipos. En colaboración coa rama de estudantes do Institute of Electrical and Electronics Engineers e a sección de estudantes da International Society of Automation da Universidade de Vigo, o concurso volverá xuntar na escola a centos de estudantes das ensinanzas secundarias obrigatorias, bacharelato e titulacións superiores na procura dos mellores robots autónomos, deseñados, construídos e programados por elas e eles.
Despois do éxito de participación acadado edición tras edición, pasando dos 500 estudantes e 110 equipos da primeira aos 1.000 participantes e 170 equipos do ano pasado, o director da Escola considera moi difícil continuar incrementando o número de alumnas e alumnos, aínda que continúan a aspirar ao incremento do número de centros participantes con algunha directriz introducida nas bases para dar máis xogo a esa cuestión, xa que consideran positiva a participación dun maior número de colexios e institutos, que teñen de prazo até o 31 de xaneiro para inscribirse na competición
Un ano máis o alumnado dos centros participantes concorrerá ao certame en dúas categorías: WALL-E, para estudantado matriculado en calquera curso de ensino secundario (ESO e Bacharelato) e R2D2 para estudantes de titulacións superiores (ensinanzas de Formación Profesional e titulacións universitarias, ademais doutras persoas interesadas). No primeiro caso, o alumnado deberá montar e programar un robot móbil partindo dun kit básico proporcionado pola organización (mBot Robot Educativo 2.4G), facilmente programable con Scratch e compatible coa plataforma open source Arduino. Pola súa banda, na categoría R2D2, as e os participantes deberán crear robots cun tamaño máximo da envolvente dun cubo de 20 centímetros de lado, un peso máximo de 1.500 gramos e con sensorización, forma, cor e configuración de tracción libre.
A competición mantén a tónica de edicións anteriores, pero incorpora algunha novidade como pasos de cebra na proba coñecida como Barrendeiro (incrementando a dificultade) e a incorporación dun novo sistema de cronometraxe para as probas.

PUBLICIDADE