A Facultade de Informática da Coruña impulsa un concurso-wiki para visualizar o papel da muller nas TIC
luns, 17 de novembro do 2014
Dende a Facultade de
Informática informan da posta en marcha dun máis que interesante
certame dirixido ao noso alumnado de secundaria e coa vista posta en
equilibrar a balanza de xénero no ámbito informático. En
realidade, o obxectivo da actividade é dobre: por unha banda
informar das vantaxes dunha carreira profesional dedicada ás TIC e
pola outra, visualizar o papel da muller neste eido. Polo tanto,
trátase de pór un gran de area para desvincular o ámbito
informático -dende a raizame do problema, a educación- das ideas
discriminatorias de xénero que arrastra. O concurso WikinformáticA!,
infórmanos a profesora Sabela Ramos, insírese nun programa de
actividades previsto para a última semana de xaneiro e inseridas no
evento mundial impulsado pola asociación Anita
Borg Scholarship Alumni.
“Tanto a asociación
como os eventos teñen como obxectivo potenciar o papel da muller nas
novas tecnoloxías”, explica a profesora Ramos dende a Facultade de
Informática da Coruña, e engade que o devandito concurso consiste
en realizar unha wiki sobre destacadas nos eidos da informática e as
telecomunicacións.
Na actividade, que se
realizará en galego, as/os participantes deberán, a partires dunha
fotografía, adiviñar de quen se trata e elaborar unha biografía en
formato wiki.
Esta biografía deberán publicala logo nun espazo de
coñecemento e divulgación creado para tal fin. Poderán participar
grupos de estudantes de secundaria liderados por un profesor ou
profesora. O período de inscrición comezou o 13 de novembro de 2014
e estará aberto até unha semana antes do remate do concurso. As
fotografías obrigatorias e a wiki en cuestión estarán dispoñíbeis
a partir do 20 de novembro de 2014. O concurso rematará o 20 de
xaneiro de 2015 e as gañadoras e os gañadores serán dados a
coñecer na última semana de xaneiro. O premio, aínda por
determinar na súa integridade (achegaranse varios recoñecementos),
consistirá en parte nun labor de visualizar e dispoñibilizar a
achega gañadora, tanto ante os medios como ante a comunidade
educativa.