A Guarda presenta unha ferramenta móbil para a a creación de cartas dixitais na hostalaría

martes, 21 de xullo do 2020 S. P.

O Concello da Guarda presentou este mes de xullo unha aplicación dixital para facilitar ao sector hostaleiro local a creación de cartas dixitais, unha alternativa axeitada para contrarrestar a disposición que neste tempo postCOVID prohibe a presenza dos formatos tradicionais a disposición dos clientes. A ferramenta, que “foi deseñada para dar apoio ao sector ante as novas medidas obrigatorias para a prevención do risco da COVID-19”, destaca polo seu funcionamento simple e sintetizado: permite, en poucos pasos, xerar códigos QR para a visualización da carta ofertada. Esta, explicou o Concello, pode ser actualizada segundo conveña aos establecementos, posibilitando tamén que estes estean localizábeis nun mapa interactivo. A app está dispoñíbel vía web.
Para tirarlle proveito, o primeiro paso é formalizar alta como establecemento e despois de cumprimentar os datos, os responsábeis dos locais poderán deseñar a información que estará dispoñíbel en función da súa oferta: carta, menú do día, menú de fóra de carta e carta de viños. Esta información poderá actualizarse en cada momento dun xeito automático e polo xestor do local: por exemplo, se durante a fin de semana non se ofrece o menú do día tan só hai que desactivar esa opción.

PUBLICIDADE