A IA como apoio á saúde mental na adolescencia analizada nunha conferencia na Coruña
venres, 6 de febreiro do 2026
A Sede Afundación A Coruña acollerá o vindeiro 26 de febreiro de 2026 a conferencia IA e Saúde Mental: Aliada ou ameaza para a adolescencia?, a cargo do psicólogo e investigador catalán Pere Castellvi Obiols (profesor titular na Universitat Internacional de Catalunya especializado nas aplicacións da intelixencia artificial na saúde mental, cun enfoque centrado nas súas implicacións éticas). A cita enmárcase no ciclo Educación S. XXI e propón unha reflexión actual sobre o papel da intelixencia artificial como ferramenta de apoio á saúde mental na mocidade.
A xornada contará con dúas sesións diferenciadas: unha primeira, ás 11.00 horas, dirixida especificamente a centros educativos, e outra ás 19.00 horas aberta ao público xeral. A entrada é de balde, aÃnda que no caso da sesión da tarde é necesario reservar previamente en Ataquilla.
Durante a súa intervención, Castellvi abordará as vantaxes e os riscos do uso da IA no ámbito da saúde mental na adolescencia. Entre as oportunidades, destacará aspectos como a mellora nos diagnósticos, a personalización dos tratamentos, o acceso permanente a apoio psicolóxico ou a posibilidade de aliviar a saturación dos servizos sanitarios. Ao mesmo tempo, porá o foco nos retos éticos que xorden deste novo escenario: a posible dependencia emocional de sistemas artificiais, a protección dos datos persoais máis sensibles ou a responsabilidade ante recomendacións que poidan resultar prexudiciais.
A conferencia tamén se integra no programa solidario Cultura por Alimentos, polo que se anima aos asistentes a realizar unha doazón de produtos non perecedoiros, que serán destinados aos bancos de alimentos locais.
