A IA e a lingua galega centran o simposio 2025 do ILG na USC

mércores, 8 de outubro do 2025 S. P.

Do 18 ao 20 de novembro a Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago vai acoller a edición 2025 do Simposio do Instituto da Lingua Galega (Simposio ILG 2025), centrado na confluencia entre as máis avanzadas tecnoloxías e a nosa fala. Desenvolverase baixo o epígrafe A Intelixencia Artificial e a lingua galega: oportunidades e riscos.
Nesta edición quérese ofrecer unha ocasión para reflexionar sobre o presente e o futuro da lingua galega na era dixital, un ámbito de acción no que participa actividade o Proxecto Nós de tecnoloxías lingüísticas, impulsado pola USC en colaboración coa Secretaría Xeral da Lingua e que busca abrir novas perspectivas e tirar as posibles vantaxes desta situación de mudanza.
Neste simposio búscase explorar estas oportunidades, mais tamén botar unha mirada crítica ás tecnoloxías baseadas na Intelixencia Artificial.
Para iso, ademais de presentar o desenvolvemento da IA e ilustrar o funcionamento das principais ferramentas en tecnoloxías lingüísticas, trataranse tamén de maneira específica os problemas éticos e legais que aparecen con estas aplicacións, así coma as súas repercusións para certas profesións: xornalistas, actores e actrices ou profesionais da tradución.
O simposio comezará o martes, 18 de novembro ás 16.00 horas e rematará o xoves 20 ás 17.30 horas. Levarase a cabo no salón de graos da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago. O prazo de inscrición está aberto ata o 13 de novembro e o evento será retransmitido a través da canle de YouTube do Instituto da Lingua Galega.