A LaconNetwork celebrará a súa primeira edición nómade dixital en Vigo

xoves, 19 de abril do 2018 Marcus Fernández

O encontro gastronómico mensual dos albaneis da nube coñecido como LaconNetwork, que ten lugar habitualmente os últimos venres de cada mes en distintos puntos da xeografía galega, celebrarase o vindeiro día 27 no Impact Hub Vigo, na que será a edición número 90 desta convocatoria que presume de ser a primeira LaconNetwork Nómade Dixital, xa que contará coa participación de 3 nómades dixitais que este mes estarán no espazo de coworking e fan do mundo o seu lugar de traballo. Estas figuras que compartirán cos asistentes as súas aventuras polo mundo e como é o seu día a día serán a comunicadora dixital fundadora de With Many Roots Sophia Cheng, o emprendedor viaxeiro e co fundador de Sende.co Edo Sadikovic e a consultora de marketing viaxeira Leticia Pérez.
Os participantes neste encontro tamén poderán optar por presentar os seus proxectos nos Lacon Pitches, presentacións de 5 minutos sen apoio gráfico.
Esta nova cita desenvolverase a partires das 14:00 horas, e os que queiran acudir deberán inscribirse e aboar 25 euros para sufragar un xantar composto de minihamburguesas, empanada, táboas de queixo, tortilla e outros petiscos de xeito que favorecerase que durante a súa degustación os asistentes poidan relacionarse entre eles coa intención de intercambiar comentarios e favorecer futuras sinerxías entre os seus proxectos profesionais.

PUBLICIDADE