A Nintendo Switch estrea aplicación móbil para o xogo en liña

mércores, 19 de xullo do 2017 Marcus Fernández

Hoxe chegou á App Store e a Google Play a aplicación Nintendo Switch Online, deseñada para mellorar a experiencia de xogo en liña coa nova consola de Nintendo, xa que facilita convidar aos amigos a xogar a través de redes sociais e comunicarse polo chat de voz mentres se xoga.
A nova aplicación móbil conta cun apartado destinado en exclusiva ao xogo Splatoon 2, chamado SplatNet 2, no que podemos consultar todo tipo de datos vitais sobre os combates, comprobar a porcentaxe de vitorias conseguidas e ver canto territorio cubriuse de tinta en combate.
A aplicación pode enlazarse con Twitter e Facebook para convidar a amigos a gozar de xogos compatibles; e o máis rechamante é poder empregar o chat de voz para conversar con todo os membros dunha sala ou só cos do equipo do xogador (pensando en coordinar as xogadas en títulos competitivos).
Polo momento o único xogo compatible coa aplicación é Splatoon 2, pero pouco a pouco irase incorporando a moitos máis títulos, e precisamente por iso o xogo en liña para Nintendo Switch é de balde até que mude ao modelo de subscrición de pagamento ao longo de 2018.

PUBLICIDADE