A Noite Galega das Telecomunicacións celebrarase o 7 de novembro na Toxa

venres, 26 de setembro do 2008 Fernando Sarasketa

O acordo asinado esta semana polo Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia (COETG) e a Consellería de Innovación, amais de para reforzar o papel do dito órgano profesional como garante de boas prácticas nos concellos en materia de equipamento de redes, tamén serviu para adiantar algunhas das liñas básicas da treceava edición da Noite Galega das Telecomunicacións. O encontro, que se vai desenvolver o día 7 de novembro co COETG en labores de organización e a dita Consellería como colaboradora, terá un ano máis o mesmo alicerce, favorecer a confraternización dos profesionais das TIC, só que reforzado polo mesmo medre do sector en Galiza.
A partir desta base, o encontro vaise mover arredor de dous eixes fundamentais: dar conta neste sector das estratexias públicas de desenvolvemento e, tamén, recoñecer o valor de aquelas persoas ou entidades que teñan destacado na súa tarefa de promoción das novas tecnoloxías do coñecemento na nosa terra. Na imaxe, unha fotografía de grupo da gala de 2006.
Xa nun eido máis concreto, dicir que convocatoria do 7 de novembro, que terá lugar na Illa da Toxa, incluirá diferentes actividades no seu programa, como por exemplo os relatorios maxistrais de persoeiros salientables do ámbito tecnolóxico galego ou as xuntanzas e debates previstos para os enxeñeiros de telecomunicacións.
Segundo sinala o COETG, farase tamén entrega de distincións que premian ás mellores iniciativas empresariais das TIC e recoñecerase o traballo daquelas persoas e/ou entidades que participan activamente no desenvolvemento e implantación das telecomunicacións e da Sociedade da Información en Galicia.

PUBLICIDADE