A PlayStation 4 entrou na fase final do seu ciclo de vida

martes, 22 de maio do 2018 Marcus Fernández

A finais de ano a PlayStation 4 levará 5 anos entre nós, e aínda que os tempos entre xeracións de consolas parecían alongarse, especialmente grazas ao lanzamento da PlayStation 4 Pro, que renovaría parcialmente a actual xeración sen forzar a un cambio, dende Sony non parecen dispostos a superar a lonxevidade da PlayStation 3 (que estivo no mercado durante 7 ano sen sucesora, cando as anteriores xeracións duraran 6 anos) e o presidente de Sony Interactive Entertainment, John Tsuyoshi Kodera asegurou en Tokio hoxe ante os investidores da compañía que a PlayStation 4 está a entrar na súa fase final do seu ciclo de vida, o que afectaría aos seus resultados de vendas, aínda que confían que os ingresos derivados de servizos de subscrición como PlayStation Plus poidan paliar a situación.
Até o 31 de marzo teríanse vendido un total de 79 millóns de consolas PlayStation 4 a nivel mundial, o que é un resultado excelente, ao estar moi próximo dos preto de 87 millóns de PlayStation 3 que venderon durante todo o seu ciclo de vida e por vender máis do dobre de unidades que o seu competidor máis directo (a Xbox One).
Kodera tamén confirmou que a plataforma PlayStation VR está a funcionar peor do estimado, polo que terán que axustar mellor as súas previsións atendendo á realidade, o que parece indicar que a realidade virtual está aínda lonxe de converterse nun formato de lecer masivo, que probablemente chegou ao consumidor final antes de que a tecnoloxía tivese evolucionado dabondo.
Aínda que estamos preto da celebración da feira E3, non parece que as declaracións de Kodera vaian acelerar a presentación que moitos están a esperar, a dunha futura PlayStation 5, que polo momento non ten unha data de lanzamento prevista (aínda que moitos apuntan a que vería a luz en 2019).

PUBLICIDADE