A Rede galega pecha fileiras arredor da convocatoria contra a especulación do 17 de febreiro

venres, 8 de febreiro do 2008 Fernando Sarasketa

Seguimos a dar conta de eventos que teñen o seu xermolo na Rede e mesmo que dificilmente se darían sen o factor “convocatoria” que achega a Internet. Desta volta, toca falar dun movemento social galego que reforza ligazóns na loita contra unha das lacras do noso tempo: a destrución do noso territorio en beneficio duns poucos e só a curto prazo. Este labor activista está a coller corpo na Internet galega en plataformas como Galizanonsevende.org ou Salvemosmonteferro.org, por citar uns exemplos. Os seus obxectivos son dar a coñecer os problemas que sofre Galiza en materia urbanística e ambiental, crear vínculos entre uns grupos e outros e, sobre todo, convocar mobilizacións dende o virtual ata o real.
Neste senso, tanto nos ditos espazos web como en Enclavedepais.info ou Nachefilms.es estanse a pechar filas arredor da manifestación do 17 de febreiro en Santiago.
O obxectivo: protestar contra o “terremoto de especulación que sofre a nosa terra dende A Guarda ata Ribadeo e dende O Courel ata a Terra Cha”. Por certo que na plataforma Sospontedume.com podemos consultar tamén o xermolo da iniciativa, que xa deu comezo na Rede co envío constante de avisos pero que colle corpo o devandito día 17 ás 12 horas na Alameda compostelá.