A Rede mobilízase a prol do apagón colectivo deste xoves 15 fronte ó cambio climático

mércores, 14 de novembro do 2007 Fernando Sarasketa

O cambio climático xeralizado hai tempo que non é motivo de brincadeiras. As poucas dúbidas que ficaban ó respecto vanse disipando tan rápido coma os ceos anubrados en Galiza ó longo deste outono. Se hai que facer algo e ese “algo” está claro que o temos que facer entre todos, que sexa xa. Este é precisamente o chamamento da mobilización convocada principalmente a través da Rede para este xoves 15 de novembro, a partir da actividade en mancomún de numerosas asociacións ecoloxistas, sindicais e cidadás de todo o mundo.
A iniciativa, promovida baixo o lema Fronte ó cambio climático: actúa xa, consiste nun apagón e está programa para desenvolverse entre as 20.00 e as 20.05 horas na xornada do 15.
A convocatoria, que aparece detallada en centos de páxinas se facemos unha procura no Google (con outras tantas organizacións chamando á participación, en Galiza a través de espazos na Web como os de Adega, Verdegaia, o CEIDA, o caderno de Birnarem ou o site de creación artística de vangarda Alg-a, do que tiramos a imaxe incluída nesta nota), xurde coincidindo coa presentación do informe científico das Nacións Unidas sobre o cambio climático que se desenvolve estes días en Valencia.