A SITE de Lugo inaugura mañá o seu Proxecto EmprendeTIC 2009

mércores, 22 de abril do 2009 Raquel Noya

A Fundación CEL, da man do seu presidente, Luis García Santalla, vai inaugurar mañá xoves 23, o Proxecto EmprendeTIC 2009, tamén coñecido como ETIC, o programa de actividades da Sala de Innovación Tecnolóxica Empresarial (SITE) para este ano.
Logo deste acto, que terá lugar ás 19:00 horas no salón central do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, dará comezo o Proxecto ETIC propiamente dito, coa xornada O marketing tecnolóxico, a revolución nas comunicacións, que traerá ata Lugo a Carmén Bárcena, xerente da consultora Tatum (Madrid) e profesora da Escola Superior de Xestión Comercial e Marketing (ESIC).
Bárcena é experta en comunicación corporativa e nova tendencias de mercadotecnica para a fidelización de clientes, traballa habitualmente nos mercados español e latinoamericano, e asiste como relatora a incontables congresos e mesas redondas sobre esta materia.
Asemade, o acto contará coa presenza de Francisco de la Torre, coordinador de Cibervision Networks (Pontevedra), quen analizará o proveito que poden sacar as pequenas e medianas empresas da mercadotecnia en tempos de crise, por exemplo coa chamada “mercadotecnia de guerrilla on-line”.
Por outra banda, o director de iTtecno Soluciones para el Desarrollo de Lugo, a empresa do viveiro da Fundación, realizará unha demostración do funcionamento dunha baliza bluetooth mediante o envío de información promocional do ETIC aos móbiles dos asistentes, e ensinará como é unha aplicación de turismo feita para o móbil, explicando o uso destas e doutras “técnicas de mercadotecnia de proximidade”.
Unha vez rematada a xornada, os asistentes inscritos entrarán a formar parte do sorteo dun portátil ultralixeiro Acer Aspire One 150-BB.