A Tecnópole acollerá durante os tres días da Galiciencia a investigadoras/es novos de tódolos recantos da nosa terra

xoves, 18 de outubro do 2012 Fernando Sarasketa

Acúrtase o camiño que nos separa da edición galega, 2012, da Semana da Ciencia, un evento que se ben enfocamos dende un punto de vista noso, celébrase simultaneamente en boa parte do mundo como xeito de recoñecer o valor da investigación e amosar os múltiples beneficios e oportunidades de traballo para a comunidade estudantil que aquela representa. A edición deste ano da Semana será unha edición que de xeito inevitable virá marcada pola crise, os recortes públicos e privados en I+D e outras cousas que non deben influír negativamente no pulo científico das novas xeracións. Porén, é na ciencia e no coñecemento onde se apoia, dende sempre, cada recuperación de cada crise. Boa parte disto está contido en Galiciencia, a actividade estrela da Tecnópole na devandita celebración. A cita será os días 21, 22 e 23 de novembro, no Edificio CEI do Parque Tecnolóxico de Galicia (San Cibrao das Viñas, Ourense), sendo o eixe temático principal as enerxías limpas.
A Galiciencia 2012, que xa podemos ver polo miúdo en Facebook (onde se van ir relatando todos os preparativos do evento, de xeito puntual e achegando fotos, vídeos e actualizacións de estado), contará con dous xeitos de chegar á cidadanía, nomeadamente á máis nova: nas propias instalacións da Tecnópole, sede das actividades previstas, ou a través da Rede grazas á retransmisión en directo do que aconteza na carpa expositiva de proxectos, nos obradoiros e máis na redacción da revista oficial.
Unha vez máis, a idea fundamental é favorecer un espazo axeitado (un obradoiro de lecer e divertimento pero tamén de aprendizaxe, de exposición e de demostración) para que os investigadores e emprendedores do futuro amosen os seus proxectos en detalle. A Galiciencia 2012, que este ano coincide coa celebración do 20 aniversario da Tecnópole, contará coa presenza de estudantes de Secundaria e Formación Profesional procedentes de toda a Comunidade, e tamén doutros puntos do Estado, explicando dende os stands as súas ideas de novos produtos e servizos para o mercado e as súas investigacións en diversas áreas do coñecemento.
A liña temática da celebración deste ano será a procura de enerxías limpas, xa que este ano celébrase a nivel mundial o Ano da Enerxía Sostible para Todas e Todos.