A Tecnópole acollerá en novembro a máis de oitenta profesionais da innovación de toda España

venres, 31 de outubro do 2008 Fernando Sarasketa

Galiza vai ser a sede este ano da investigación empresarial a nivel español. Así o fan saber este venres Industria e máis a Tecnópole, nun comunicado conxunto no que se indica que o dito Parque Tecnolóxico de Galicia vai ser o encargado de acoller a edición 2008, a sétima, da Conferencia Internacional da Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España (APTE). O evento, que se vai desenvolver os vindeiros 5 e 6 de novembro, significará o reforzamento do complexo galego –que cumpre 15 anos de vida- como punto de encontro dos axentes da innovación.
Precisamente, presentar as liñas xerais e os obxectivos da xuntanza foi o alicerce do acto celebrado este venres no Auditorio de Ourense, unha das tres localizacións vindeiras da Conferencia, amais da Tecnópole propiamente dita e Allariz.
Entre outras cousas, a sesión de hoxe serviu para salientar a importancia do achegamento desta reunión a Galiza, sobre todo se temos en conta os froitos recolleitos pola Tecnópole ao longo dos seus 25 anos de historia e a necesidade de atopar novas canles para presentalos perante o mundo. Precisamente ese será un dos grandes obxectivos do complexo ourensán e da Consellería de Innovación: tirar partido de dúas xornadas de constantes encontros científico-empresariais.
Por certo que está previsto que o enclave de innovación galego acolla nesta convocatoria da Conferencia Internacional da APTE a máis de oitenta xestores e técnicos de parques científicos e tecnolóxicos de todo o Estado español. Entre a listaxe de visitantes hai expertos de renome internacional no eido das redes e o corporativo. É o caso de Tapan Munroe, especialista na economía do Silicon Valley e asesor de varios bancos do Val Central de California en temas relacionados coa planificación económica, financeira e empresarial; e Michel-Eric Dufeil, responsable de desenvolvemento rexional da Dirección Xeral de Política Rexional da Unión Europea.