Desenvolven na UDC unha aplicación web de análise de imaxes de retina

luns, 17 de xaneiro do 2011 Marcus Fernández

O Grupo de Visión Artificial e Recoñecemento de Patróns (VARPA) da Universidade da Coruña dedica unha especial atención ao campo da oftalmoloxía, concretamente á análise de imaxes do fondo do ollo a partir de imaxes achegadas principalmente polo Complexo Hospital Universitario de Santiago (CHUS), o que ten distintas aplicacións prácticas, coma o desenvolvemento de aplicacións para revisións médicas masivas e para investigar a efectividade de certos fármacos.
Entre os proxectos a desenvolverse polo VARPA resulta especialmente destacable SIRIUS (Sistema para a Integración de Servizos de Procesamento de Imaxes de Retina), que mediante unha interface web pretende axudar á diagnose e seguimento de doenzas oculares mediante a análise de imaxes retinais, o que pode supor a detección prezos de varias patoloxías como a hipertensión ou a diabetes.
Estamos ante unha ferramenta que leva meses presentándose ante distintos foros de investigación, e que está totalmente viva, cun desenvolvemento constante no que van incorporándose paulatinamente «novos parámetros que permitan analizar outras estruturas que aparecen no ollo asociadas a outras patoloxías», segundo comentou Marcos Ortega, da Facultade de Informática de A Coruña, a La Voz de Galicia.
O sistema está en trámite de rexistro e patente, comezando a aplicarse mediante un convenio de colaboración con centros médicos de Sevilla e Xirona, aparecendo tamén interese dende Arxentina para empregar esta ferramenta para a diagnose temperá da hipertensión.