A UNED amplía a súa oferta académica co novo Grao en Enxeñería en IA

luns, 1 de xuño do 2026 S. P.

Rafael Martínez Tomás, catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial e coordinador do novo grao

A UNED vén de ampliar a súa oferta académica co novo Grao en Enxeñaría en Intelixencia Artificial. A nova titulación poderá estudarse desde o próximo curso 2026-2027 e ofrecerá unha formación científica e tecnolóxica orientada ao desenvolvemento, aplicación e investigación en IA. Terá “un enfoque multidisciplinar e a metodoloxía flexible característica da universidade”, informou a UNED Ourense, engadindo que o prazo de matrícula está previsto que se abra o próximo 1 de xullo.
A nova titulación ofrecerá unha formación que combina unha base sólida en matemáticas, estatística e programación co estudo especializado dalgunhas das áreas que están a impulsar actualmente a transformación tecnolóxica e social, como a aprendizaxe automática, o procesamento da linguaxe natural, a visión artificial, a robótica autónoma, os sistemas de soporte á decisión e a análise masiva de datos.
O plan de estudos deseñouse cunha orientación tanto teórica como aplicada, dirixida ao desenvolvemento de solucións para problemas reais. Neste sentido, Rafael Martínez Tomás, catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial e coordinador do novo grao, explica que “o título garante unha firme formación científica e tecnolóxica que capacita tanto para o exercicio profesional no ámbito da IA como para a innovación e investigación”.
Engade que un dos trazos diferenciais do grao será “o seu carácter multidisciplinar”. Así, a titulación prepara ao estudantado para “colaborar con profesionais de ámbitos diversos (como a enxeñería, a medicina, o dereito, a economía ou as ciencias) e para integrarse en equipos onde a intelixencia artificial actúa como unha ferramenta transversal”.
A formación incorporará ademais competencias en xestión de proxectos e contidos vinculados ao desenvolvemento ético, xurídico e responsable de sistemas intelixentes, en palabras da UNED “unha dimensión cada vez máis relevante no despregamento destas tecnoloxías e aliñada cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible”.
A estrutura do grao inclúe materias específicas desde etapas temperás do itinerario formativo, como Introdución á Intelixencia Artificial, así como materias orientadas ao deseño e desenvolvemento de proxectos e aplicacións reais, entre elas un Laboratorio de I+D para aplicacións con Intelixencia artificial.
O grao está orientado tanto a estudantes que acceden por primeira vez á universidade como a persoas que desexan ampliar ou actualizar a súa formación para incorporar a intelixencia artificial ao seu desenvolvemento profesional. O grao impartirase mediante unha metodoloxía online e semipresencial, baseada na aprendizaxe autónoma acompañada polo profesorado, recursos virtuais interactivos e unha rede de centros asociados que permite estudar desde calquera lugar e compatibilizar a formación universitaria con outras responsabilidades persoais e profesionais.
“Os graduados e graduadas en Enxeñería en Intelixencia Artificial”, conclúe Martínez Tomás, “estarán capacitados para desempeñar funcións profesionais nunha ampla variedade de sectores: entidades financeiras, institucións sanitarias, consultorías tecnolóxicas, departamentos de I+D, organismos públicos de investigación, universidades e industrias de calquera ámbito”, nun contexto de crecente demanda de perfís especializados en intelixencia artificial.