A USC axudará ao alumnado a cubrir os gastos de Internet durante o Estado de Alarma

luns, 30 de marzo do 2020 S. P.

A Universidade de Santiago levaba días anunciándoo pero finalmente este sábado 28 confirmou unha nova de gran relevancia para o seu alumnado: a posta en marcha dun programa específico de axudas para co-financiar os custos de acceso a Internet do seu alumnado durante o estado de alarma. O obxectivo é garantir a conexión universal de toda a comunidade de estudantes, de grao e máis de mestrado, e poder asegurar a continuidade integral dos estudos (a través de teleformación) e o aceso aos contidos do Campus Virtual da USC, até que a situación se normalice.
Esta medida, que se pode solicitar xa, contempla os gastos de acceso a Internet correspondentes ao mes no que se declarou o estado de alarma ou ao de abril. O programa, unha iniciativa de choque para favorecer a conectividade dos estudantes en situación de vulnerabilidade, queda recollida na resolución reitoral de 27 de marzo. A cantidade máxima de datos co-financiábel será de 60 GB en total, con independencia da modalidade contractual, bono, cambio temporal de tarifa, ou outras circunstancias semellantes. A axuda cubrirá o 90 % do gasto realizado pola persoa beneficiaria, non podendo superar en total 40 euros por persoa. A presentación de solicitudes farase a través da Sede Electrónica da USC, empregando o formulario normalizado de solicitude dispoñíbel dirixido á Xerencia da USC. O prazo para a presentación de solicitudes rematará o 15 de abril.

PUBLICIDADE