A USC dará acubillo a un debate de dúas xornadas arredor da Universidade do futuro: a dixital

venres, 26 de xuño do 2009 Fernando Sarasketa

Compostela acollerá os días 9 e 10 de xullo unha nova xuntanza internacional arredor da era dixital e as súas vantaxes potenciais para o eido académico e o investigador. O dito encontro, organizado pola Universidade de Santiago (que este verán desenvolve un evento TIC para comezar xa, inmediatamente, o seguinte), reunirá a especialistas de diferentes países para avaliar, moi polo miúdo, o futuro da Universidade española e latinoamericana e o seu papel nunha sociedade global á que, por certo, non se lle acaba de ver, no socioeconómico, un camiño firme e ben delimitado. O encontro Universidade e Sociedade do Coñecemento contará coa presenza, entre outros, do profesor británico Ronald Barnett, experto en didáctica e responsable de varias publicacións onde achega un punto de vista crítico e modernizador do ensino superior.
Asemade tamén está previsto que acudan o catedrático da Universidade da Coruña Jurjo Torres Santomé (membro do consello asesor da publicación Curriculum Studies) ou o investigador mexicano Imanol Ordorika, que basea o seu traballo recente na procura de novos vieiros para un espazo educativo que, ao seu xuízo, arrastra tras de si feituras, canles e fondos antigos de máis.
A xuntanza, que se celebrará na Facultade de Ciencias da Educación da USC, xorde perante o interese cada vez maior no eido académico de abrir debates sobre as demandas de formación que identifiquen e axuden a comprender o papel da universidade na sociedade dixital, “nun momento de cambio da estrutura universitaria en España por mor da implantación do Plano Bolonia”, sinala a Universidade de Santiago.
O seminario está organizado pola rede Universidade e Sociedade da Información e do Coñecemento (UNISIC), iniciativa do grupo Stellae que leva traballando desde 2006 en diferentes proxectos de investigación e actividades de docencia en cooperación con varias universidades de América Latina. Os obxectivos destes profesionais xiran arredor dos procesos de adaptación da universidade contemporánea ás novas condicións impostas polas sociedades e economías da información e do coñecemento.