A USC impulsa a formación nunha das tecnoloxías de meirande futuro: blockchain

venres, 15 de xaneiro do 2021 S. P.

A tecnoloxía de cadea de bloques (blockchain) é unha desas tecnoloxías das que escoitaremos falar moito nos vindeiros anos. En parte polas vantaxes de seguridade que pon en xogo en materia de transaccións e outras actividades, en parte por estar (como a Intelixencia Artificial ou o Big Data) cada vez máis preto do común dos internautas, investigadores ou emprendedores. O proxecto DLT4All, no que está a participar a USC a través do grupo de investigación GAME – IDEGA, é un proxecto para conseguir que ese espazo que nos separa da cadea de bloques sexa cada vez máis fino ou que, xa postos, desapareza. Esta semana botou a andar a súa actividade formativa.
Fíxoo cun curso de oito módulos a desenvolver entre xaneiro e marzo que no que se recompilan os resultados dos programas piloto que se veñen desenvolvendo dende setembro, ao abeiro de DLT4All, nos cinco países que integran o consorcio: Bélxica, Chipre, España, Grecia e Italia. Debido as actuais circunstancias no contexto da situación de pandemia creada pola COVID-19, esta formación desenvólvese en liña.
O obxectivo perseguido por esta iniciativa Erasmus + pertencente ao programa de Alianzas Estratéxicas, é desenvolver un programa de ensino universitario en tecnoloxías blockchain e DLT nas universidades europeas. “A innovación desta iniciativa radica en ser a primeira vez que as institucións académicas cooperan na creación dun programa de alta calidade neste eido”, salienta Manuel Fernández Grela, profesor da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC.
DLT4All busca, en definitiva, involucrar aos beneficiarios potenciais do programa nun proceso de co-creación do seu deseño, elaborado tanto dende a universidade como dende o mundo no que se manexan estas tecnoloxías, para que o produto educativo final se axuste á demanda e necesidades do mercado laboral.
O curso consta de oito módulos que se desenvolverán entre xaneiro e mediados de marzo. Máis adiante farase unha posta en común para recompilar as experiencias tanto do profesorado como do alumnado con propostas de mellora de cara a elaborar unha estratexia de sustentabilidade do programa. A inscrición pode realizarse online.

PUBLICIDADE