A USC premia catro propostas empresariais destinadas a mellorar a nosa calidade de vida

venres, 12 de xaneiro do 2007 Fernando Sarasketa

Para convertérmonos en empresarios innovadores, ademais de teimosía, cómpre poñer ben en xogo outro valor que é, por así dicilo, o combustible de calquera iniciativa no mercado: a creatividade. Este ingrediente, amais dunha vontade de mellorar no posible a nosa calidade de vida, semella atoparse en boas cantidades nas propostas gañadoras da sétima edición do Concurso de Ideas Empresariais Innovadoras da Universidade de Santiago (USC).
Entre os proxectos galardoados, que se deron a coñecer este xoves nun acto oficial no Colexio de San Xerome baixo a presenza do reitor, Senén Barro, e do director xeral de I+D, Salustiano Mato, atopamos (entre outras cousas) o alicerce para a creación dunha empresa innovadora de desenvolvemento de teitos vexetais e, tamén, a base para a posta en marcha dunha televisión destinada a persoas con discapacidades.
Máis polo miúdo, os premios do certame, que este ano bateu records de participación (presentáronse 260 ideas fronte ás 101 do ano anterior), foron dar a estes proxectos:

Sistema de Supervisión en Contedores Frigoríficos

Esta iniciativa vén da man de Xesús Anxo Varela Villaverde, da Escola de Enxeñería Técnica Industrial de Vigo. Consiste na creación dun módulo electrónico que permitiría o control continuo do estado dos remolques frigoríficos. O módulo no remolque, sinala a USC, comunicaría a través de tecnoloxía GSM/GPRS cun computador que albergaría os rexistros de temperaturas e do estado do equipo de frío. O sistema podería poñernos en aviso sobre calquera posible incidente en canto aconteza mediante mensaxes de texto ós nosos teléfonos móbiles.

Teitos vexeitais

Trátase dunha proposta de Víctor Otero Bravo, da Escola Politécnica Superior de Lugo. Consiste no desenvolvemento de teitos verdes (inclúen elementos vexetais vivos) para calquera tipo de edificio e orientados a incrementar a presenza de espazos naturais nas cidades (minimízase a presenza do cemento e do formigón) e, asemade, a mellorar en boa medida a calidade do ar no eido urbano -xa de por si abondo castigado- posto que os teitos producirían osíxeno e contribuirían a reducir a presenza de CO2. Ademais, increméntase a capacidade de illamento do edificio.

Televisión en liña para discapacitados

Esta idea para un proxecto empresarial vai orientada a demostrar que a xeración de ingresos non ten por que ser incompatible coa mellora na calidade de vida das persoas. Máis ben, todo o contrario. Niso se basea esta idea de Noelia Vázquez Tasende, Romina Tasende Souto e Vanesa Sáez Iglesias, da Facultade de Ciencias da Comunicación: na posta en marcha dunha televisión on line con alternativas de visionado para persoas con discapacidades visuais ou sonoras. Segundo apunta a USC, un dos moitos valores desta idea reside no feito de que non existe hoxe cadea en liña no eido de Compostela, “e no galego só a TVG emite parte da súa programación a través da Web”.
Para as tres mozas, un dos grandes obxectivos da súa proposta é contribuír á eliminación das barreiras comunicativas que afastan a uns colectivos de outros.

Autentificación de especies mariñas

Pablo Balseiro Vigo, da Facultade de Bioloxía, presentou a cuarta das ideas galardoadas nesta edición e que consiste no uso de marcadores de ADN para a autentificación e caracterización microbiolóxica de especies mariñas de interese alimentaria como por exemplo o polbo e as algas mariñas. A proposta consiste en achegar ós consumidores un servizo de autentificación de especies mariñas. “O servizo de autentificación” sinala a USC, “basearíase na técnica de RFLP sobre marcadores moleculares que presentan unha gran variabilidade entre especies próximas”. Amais (engade a Universidade) “o uso destes marcadores permitiría protexer aos consumidores de posibles fraudes pola substitución destas especies por outras de menor valor”.