A USC traballa en dar forma ao que podería ser a materia prima futura dos nosos dispositivos

xoves, 17 de xullo do 2014 Redacción

A Universidade de Santiago está mergullada nun máis que interesante proxecto de nanotecnoloxía que podería dar como resultado, a medio ou longo prazo, a unha nova xeración de dispositivos electrónicos. O grupo responsable destes traballos é o grupo de investigación COMMO do CiQUS, xunto con investigadores de IBM Research (Suíza). Nun plano máis detallado, os investigadores galegos e suízos desenvolveron un método que simplifica o proceso de obtención de nanografenos de alta calidade a partir de compostos orgánicos dos que se pode dispor de xeito doado. Lembrar que os nanografenos son a versión a escala mínima dos grafenos, que son materiais únicos constituídos por carbono puro e con átomos distribuídos nun patrón regular hexagonal semellante ao grafito pero nunha folla dun átomo de grosor. Ou sexa, que un dos seus puntos fortes é a súa extraordinaria lixeireza.
Ademais, o nanografeno é máis flexible e quécese menos ao conducir os electróns. Respecto do silicio, un dos materiais máis tradicionalmente empregados na industria informática e electrónica, amosaría un consumo de electricidade moito menor. Porén, malia as súas moitas vantaxes, un dos principais problemas que achega a obtención de grafenos a escala nanométrica é a complexidade do proceso. Aí entra en xogo o traballo dos investigadores da USC e do grupo IBM Research: achegando métodos áxiles e simplificados ao tempo que se asegura un alto nivel de calidade. Segundo informa Diego Peña, do grupo COMMO, “conseguir un perfecto control sobre o seu tamaño e xeometría é fundamental para explorar novas aplicacións en electrónica”.
O método descuberto polos investigadores da USC permite acadar nanografenos ben definidos a través “dunha única e sinxela reacción a partir do perileno, un composto orgánico moi común”. O proceso, sinalan, baséase na reactividade dun grupo de moléculas denominadas arinos, que poden actuar como unha especie de “pegamento molecular para unir anacos de grafeno”. Segundos os autores do traballo, os nanografenos con forma de trevo obtidos nesta investigación foron depositados en películas illantes extremadamente finas e a súa imaxe obtívose con resolución atómica mediante microscopía de forza atómica (AFM). Segundo engade Diego Peña, a preparación destes materiais (con diferentes tamaños e feituras), podería ser crucial para construír circuítos electrónicos baseados no grafeno, maquinaria molecular e dispositivos dunha soa molécula.
Por certo que a investigación que amosa paso a paso o devandito método vén de ser publicada na recoñecida revista Angewandte Chemie e conta coa participación dos docentes Enrique Guitián e Dolores Pérez e a estudante de doutoramento Sara Collazos, integrantes do grupo COMMO. Sinalar tamén que o grupo ten na Rede unha moi exhaustiva peza audiovisual que bota luz sobre os seus desenvolvementos.