A Universidade de Santiago convoca a edición número 13 do seu certame de iniciativas innovadoras

venres, 15 de marzo do 2013 Redacción

A Universidade de Santiago, a través do seu Programa de Creación de Empresas, convocou esta semana a edición número trece do seu certame dirixido a recoñecer o espírito emprendedor dos seus estudantes e, máis polo miúdo, o espírito emprendedor con potencial para marcar as diferenzas con respecto a calquera outro proxecto posto en marcha previamente. Ou sexa, iso que se chama innovación. O XIII Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores da USC ten como obxectivo impulsar a creación de iniciativas de mercado, orixinais e creativas, promovidas por estudantes, licenciadas/os ou investigadoras/es. O prazo de presentación remata o 30 de abril.
O certame inclúe tres premios: a mellor empresa de base tecnolóxica, que supón 2.000 euros e ata 24.000 euros de financiamento mediante préstamo participativo ofrecido por Unirisco; a mellor empresa nova (2.000 euros) e a mellor muller emprendedora (2.000 euros).

Os aspirantes contarán co asesoramento de Uniemprende. Máis polo miúdo do equipo de técnicos e técnicas deste programa da Universidade de Santiago de Compostela, que estarán a disposición das persoas promotoras para axudalas na elaboración dos proxectos, ademais de ofrecerlles formación de balde co fin de realizar o plan de empresa. As persoas interesadas deberán dirixirse ás oficinas de Uniemprende situadas no Edificio Emprendia do Campus Vida en Santiago. Os proxectos gañadores terán acceso gratuíto a tres accións formativas (tres prazas por cada proxecto gañador) organizadas polo Programa Uniemprende no prazo dun ano, unha vez que teñan constituída a súa empresa.